O Premio Galicreques concédese a unha entidade, persoa ou compañía polo seu labor no mundo dos monicreques a través de proxectos que, aínda que no seu comezo puidesen parecer disparatados e efémeros, acabaron sendo soños conseguidos que nos favorecen a tod@s @s amantes das marionetas.
O Festival Internacional Galicreques, nesta súa 29ª edición, concédelle a Eduardo Rodríguez Cunha, “Tatán”, o Premio de Honra Galicreques 2024. Con este galardón, queremos celebrar e reinvindicar a traxectoria, o esforzo e o talento dun dos grandes nomes das nosas artes escénicas. Sen o seu traballo como actor, como titiriteiro, o noso teatro non sería o que é hoxe por hoxe. “Tatán” forma parta da xeración de pioneiros que abriu camiños para a dignificación da escena dos monicreques. O seu labor en Tanxarina, unha das compañías máis importantes do país, é exemplo para todas as xeracións, para calquera artista e para o futuro deste oficio dos títeres. Galicreques agradécelle a “Tatán” con este premio a súa enorme, brillante e imprescindible contribución ao teatro.